Páginas

miércoles, 27 de febrero de 2013

O Petroglifo da Pena da Nosa Señora

A Pena da Nosa Señora atópase ubicada nas últimas estribacións do pequeno esppolón dos Montes da Pega, no antigo camiño do Temple A Cambre (500 metros ao NW do Castro de Cambre en liña recta). O lugar é estratéxico posto que desde alí pódese contemplar todo o esteiro do río Mero e o comezo da Ría do Burgo-Temple.

Os petroglifos preséntanse nunha gran laxe de pedra con dous paneis de cazoliñas ben diferenciados, unha depresión ("cama da Nosa Señora") e dúas letras maiúsculas de época moderna. Os dous paneis de cazoliñas, consideradas por algúns investigadores "mesas de ofrenda", amosan, o primeiro, catro coviñas; o segundo, nove. Tamén aparece unha liña curvada: trátase, segundo a crenza popular, da "ferradura do cabalo da burra da Virxe".


Croquis da "cama da Virxe". Versión de Ramón Boga

Cara ao oeste a laxe debuxa unha lixeira depresión que se vai alongando cara ao norte: é a denominada "Cama da Santa", cama na que é posible que noutras épocas se realizaran ritos de fecundidade, feito ben documentado en lugares semellantes noutros lugares de Galicia. É así que a depresión vaise estreitando  de xeito que toma a forma dos hombreiros e da cabeza.

Case medio metro ao leste da cabeceira da cama aparecen unhas liñas gravadas que semellan dúas maiúsculas xuspapostas formando un "C" e un "R", con dúas liñas horizontais enriba de cadansúa. A súa situación ao carón do camiño antogo fai sospeitas que delimiten e signifiquen "Camiño Real". No extremo do norleste aparecen dous paneis ou superficies horizontais: na meirande pódese ollar unha cazoliña de case dezaseis centímetros de diámetro á beira doustas oito cazoliñas moito mais cativas. No segundo panel, tres cazoliñas moi pequerrecchas, acompañan a outra meirande que acada os dez centímetros de diámetro.


Croquis das letras maiúsculas e da "ferradura da burra". Versión de Ramón Boga

Os veciños de Cambre coñecen perfectamente todo o relativo á Pena: as inscricións, a cama da Virxe, falan dunha taza, dun pote..., ou dos "pociños" onde os señoritos botaban os cartos que logo eles mesmos recollían. A forma antropomorfa é o lugar onde a Virxe deitouse a descansar, a liña curva é a pegada da burra da Virxe, que quedou para sempre impresa na rocha en forma de ferradura.

Outras versións moi semellantes contan que na Pena debúxase o corpo dunha muller (a Virxe) durmindo. Falan tamén da pisada da burra (só se ve si a pedra está limpa), os buratos da taza de comer (as cazoliñas) como si fose un fregadeiro e incluso un rego do trigo para "comer o pan" que é unha liña tallada na pedra.


Panel de cazoliñas 1. Debuxo versión de Ramón Boga

Por estas paraxes, hoxe moi degradadas, segundo os nosos informadores, pasou a Virxe coa súa burra e quedou a durmir na Pena, deixando aí a súa pegada para sempre.


Panel de cazoliñas 1. Debuxo versión de Ramón Boga 

Cambre, como parroquia eminentemente rural, dependía parar as colleitas, das axeitadas condicións climáticas e por tanto da vontade do/s seu/s deus/es. Deste xeito, nos períodos de longa seca, organizábanse procesións "rogativas" ata a Pena da Nosa Señora para tentar influir no clima. Normalmente as procesións ían encabezadas pola imaxe da Virxe que se está a gardar na parroquial de Santa María. Ás veces xuntábanse varias parroquias en procesión, cadansúa co seu santo patronal, ou aqueloutro que tivera máis poder sobrenatural.

Algúns veciños aínda lembran a que foi a derradeira procesión rogativa: cando a comitiva procesional voltaba da Pena, caeu unha tromba de auga tan grande que todos os peticionarios (engadindo ao cura) fuxiron deixando á Virxe desamparada no medio dun descampado.


Fotografía da Pena da Nosa Señora

A Pena da Nosa Señora atópase á beira do Camiño Real, como parece indicar a inscrición "CR" e amosa tamén moitos dos tópicos dos camiños moi transitados, sobre todo dos camiños de peregrinación. A Pena narra a viaxe da Virxe, de San Xosé (aínda que aquí  nunca se nomée) e do seu medio de transporte (a burra): ao seu paso toda a xente pechaba as portas, descoñecedoras da identidade da viaxeira, de xeito que Deus, como castigo, impuña determinadas penas (cidades asolagadas, desgrazas de diversa índole, etc). Moitas veces, como é o caso, a burra deixaba o seu berce mediante a ferradura na pedra e incluso adoitaba quedar a impronta da Virxe durminte. A ferradura e/ou a pegada da Virxe danse constantemente nos camiños de peregrinación.



Como dicía antes, a Pena está á beira do Camiño Real que se dirixía a Cambre, sendo o último fito desde onde xa se vislumbraba o mosteiro coa advocación a Santa María. Estamos pois diante dun dos poucos vestixios que permanecen do camiño medieval que (despois de separarse do Camiño Real a Castela) baixaba dos montes da Pega, cruzaba o rueiro de Amil e chegaba ao Campo da Feira e ao Mosteiro de Santa María.

Todo isto (a Pena e a advocación mariana) débese relacionar coa Hidra de Xerusaklén, reliquia que se está a gardar neste templo de peregrinación (a igrexa de Santa María de Cambre posúe xirola ou deambulatorio): considerábase un dos receptáculos ou vasos nos que, por intercesión precisamente da Nosa Señora, Cristo converteu a auga en viño. En definitiva, a Virxe, aínda que non fai nin fixo milagres, contribuiu como nai de Deus, de maneira decisiva, coa súa intercesión ("Santa María roga por nós...") ou mediación diante da vontade diviña.

Chegado a este punto, e aínda recoñecendo a importancia de establecer a cronoloxía ou adscrición cronolóxico-cultural da Pena, este feito ten tan só unha importancia relativa dentro dos límites desta reflesxión, considerando o valor intrínseco e extrínseco que en todas as épocas tivo e ten para os veciños de Cambre cvomo referente simbólico que debe ser protexido e conservado.


No hay comentarios:

Publicar un comentario